6.9.13

| Suso Fandiño versus Fernando García | Diálogos Improbables V

Este sábado tedes unha cita moi interesante en Lalín coa quinta edición de Diálogos Improbables. Nesta quenda Suso Fandiño e Fernando García. Deixovos a información facilitada polo comisario:
Diálogos Improbables, o proxecto curatorial iniciado en Lalín
(Pontevedra) a comezos de novembro de 2012 baixo o comisariado de Ángel Calvo
Ulloa, encara a súa recta final coa quinta entrega das seis previstas. Tralo paso por
esta cita dos artistas Teo Soriano, Kepa Garraza, Javier Núñez Gasco, Manuel Eirís,
Nacho Martín Silva, Vítor Mejuto, Julia Spínola e Rosendo Cid, serán Suso Fandiño e
Fernando García os encargados de amosar o seu traballo para xerar un discurso
común salvando as diferenzas que a priori caracterizan a súa obra. A cita
desenrolarase o vindeiro sábado 7 de setembro ás 18:00 no Espazo NonLugar da Rúa
Pena Toares, 7 de Lalín e a súa duración estará novamente limitada ás dúas horas
seguintes á súa apertura.

Suso Fandiño (Santiago de Compostela, 1971) é unha das figuras máis
representativas da arte galega actual. Situado a medio camiño entre a teoría e a
práctica, a súa obra bebe da historia da arte dun xeito literal. O resultado é unha
mestura entre a apropiación e unha mensaxe cargada de cinismo, aludindo
constantemente a figuras como Duchamp, Warhol ou Joseph Beuys, provocando un
enfrontamento entre os diferentes discursos e rebaixando á arte ao lugar da pura
mercadoría.
Omnipresente na arte española dos últimos anos, Suso Fandiño conta ata o día de
hoxe cunha recoñecida traxectoria formando parte de coleccións coma a do CGAC,
Fundación Barrié, MACUF ou Coca-Cola. Ten exposto de xeito individual no MARCO
(Vigo), PALEXCO (A Coruña), Centro Torrente Ballester (Ferrol), A Chocolatería
(Santiago de Compostela) así como nas galerías Pedro Oliveira (Oporto), T20 (Murcia)
ou Adhoc (Vigo). Entre as mostras colectivas destacan a Bienal Internacional de Arte
de Pontevedra (2004), Urbanitas no MARCO (2006), Melodías Prohibidas - Festival
SOS Murcia (2011), Bienal de Fotografía Purificación García (2012) ou Afluentes 3(2013).

Fernando García (Madrid, 1975), pintor sen ser pintor, o seu traballo non atopa límites
formais. Non ten prexuízos á hora de utilizala pintura, a escultura ou a fotografía se o
fin o xustifica. En constante alusión e homenaxe aos artistas que o inflúen, García
recolle obxectos nas inmediacións dos estudios de figuras como Manolo Millares ou
Juan Muñoz, fotografía a porta do estudio de Mark Rothko ou a tumba de Jackson
Pollock e xera retratos con ese material. Nesa liña de permanente tributo, Fernando
García acumula obxectos que falan dun país que se avergoñou da súa historia. Cita a
Pérez Galdós ou a Miguel Hernández, buscando unha escenografía que revitalice
figuras esquecidas.
Incluído na mostra Sin motivo aparente que ven de comisariar Javier Hontoria no
CA2M de Móstoles, Fernando García expuxo recentemente na Galería Heinrich
Ehrhardt (Madrid), así como no proxecto ¡A vueltas con la maldita pintura! que o pintor
Juan Ugalde realizou en 2011 no MUICO (Madrid). Bolseiro en 2009 do Jyvälskylä
Printmaking Centre (Finlandia) e Generación de Caja Madrid (2006). Actualmente
Fernando García é unha das figuras máis importantes dun panorama en clara
renovación.
Probablemente o culto que os dous artistas profesan -en eidos totalmente afastadospor
certas figuras da arte; a constante homenaxe na que se converten as súas obras e
o resultado que nunca foxe das súas influencias, faga que Fandiño e García non se
atopen en puntos tan opostos. Xirar a lata Campbell de Warhol ou colgar dun cravo
unha bolsa de plástico chea de terra atopada fronte ao estudio de Manolo Millares son
dous xestos que por extremos chegan a tocarse.
Seguindo coa liña de críticos e comisarios convidados, a encargada de teorizar sobre
esta quinta entrega vai ser Ane Agirre (Azpeitia, 1980) -comisaria independente e
xestora cultural, Agirre é cofundadora xunto con Juan Canela do colectivo Azotea,
coordinadora do proxecto Jugada a 3 Bandas en Barcelona e comisaria do ciclo
Vertex-Conversaciones-.
Como nos anteriores diálogos, Ane Agirre encargarase de entrevistar aos artistas e de
dala súa visión sobre a relación que poida existir entre o traballo de Suso Fandiño e
Fernando García nunha serie de escritos que irán incluídos no libro que se editará
tralo fin do ciclo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario