11.12.12

Plan de Rescate

Hai un par de semanas na inauguración do artista Diego Vites no Fac Peregrina, a comisaria independente María Marco, comentoume que estaba metida nun proxecto de grandes dimensións, nun espazo que abriría as súas portas en A Coruña, e que se denominaría eLEFANTE 330. Pois ben, este venres día 14 terá lugar a inauguración. Unha, que promete ser, das máis relevantes fóra do círculo institucional.


Segundo a organización máis de vinte artistas galegos ou vinculados con Galicia, con excelentes traxectorias profesionais, se unirán por primeira vez para dar a súa visión sobre a crise. Esta xuntanza terá lugar este venres, con 'sentimento de manada'; os asistentes contemplarán as obras de creadores coma José Andrés Santiago, Misha Bies Golas, Enrique Lista, Joan Morera Arbones, Jorge Perianes, Proxecto Socheo, Marco Godoy, PSJM, Héctor Barrios, Manuel Eirís, Vítor Mejuto, Gemma Pardo, Vanesa Díaz & Juan Adrio, Mauro Trastoy, Carmen Delaco, Héctor Francesch, Eduardo Valiña, Jacobo Bugarín y Javier Martín. 

Algúns destes nomes xa apareceron en culturadeseu. María Marco como editora de Plétora en 'Mutantes Pletóricos + Bizarradas', Mauro Trastoy como artista invitado do Furancho de Arte Contemporánea en '1+1+1+' e Manuel Eiris como protagonista e integrante do taller sito no barrio compostelán de Vista Alegre en 'Sobre pelos pintura e os doce apóstolos'.


Vangarda expositiva
"Plan de rescate" afástase do concepto de exposición tradicional para seguir a estela de novos formatos expositivos, en concreto o ONE DAY EXHIBITION, unha exposición dun só día que xa se fai de modo habitual en cidades como Berlín o Nova Iorque.

Ubicada no corazón da cidade hercúlea e con 330 metros cadrados de espazo, a mostra da rúa Juan Flórez desenvolveráse nunha única xornada que seguirá viva na Internet a través da gravación dun documental e da edición dun catálogo on-line.

Que é o eLEFANTE330? Pois está relacionado coa expresión elefante branco, que se refire a algo moi costoso de manter e que non produce ou ten utilidade algunha. Dende a organización cren no valor social de promocionar o traballo de artistas emerxentes mediante a busca da excelencia e a profesionalización en materia de xestión cultural. A entidade parte do fenómeno chamado 'elefante branco' para revolucionalo e darlle un necesario cambio de sentido. "Vivimos rodeados de elefantes inmobiliarios e ideolóxicos, pero o noso paquidermo, a noso proxecto, cre na cultura como saída da xungla económica que nos rodea e que non impide avanzar.

Se queredes, pois, formar parte desta experiencia podedes acudir este venres á esquina de Juan Flórez en A Coruña (enriba de Cortefiel), a partires das 19:30. Haberá unha performance ás 20:30 do bailarín e coreógrafo Javier Martín e actuará o coro da cámara 'Ludus Tonalis'. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario