27.11.12

O cadro colga da parede como unha arma de caza ou un sombreiro

Con este orixinal cartaz a crítica cultural Ania González (Fac Peregrina, Culture Workers), coa colaboración de Escoitar e Tayone, invítanos ao Espazo EMAO da Escola de Artes e Oficios de Vigo, o vindeiro venres día 30 de novembro (ás 19:00) para afondar, cunha montaxe expositiva e sesións de debate, nas diferenzas entre o que é Arte e o que é Artesanía.
Este é o texto realizado pola crítica viguesa e que resume o concepto da exposición:
O cadro colga da parede como unha arma de caza ou un sombreiro. A partir desta frase pertencente ao texto de Martín Heidegger A orixe da obra de arte, este proxecto pretende averiguar a través dunha montaxe expositiva cánto de cousa hai nun obxecto artístico e cánto de obxecto artístico hai nunha cousa.
Elixiuse este texto polo que representa coma base dunha reflexión aínda hoxe activa: ¿Qué é o que diferencia as obras de arte dos obxectos útiles? Esta cuestión que se atopa mesmo na fundación da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo a finais do século dezanove e no propio xurdimento do movemento “Arts & Crafts,” (Artes e Oficios) en Inglaterra, polas mesmas datas, supón ademáis unha magnífica ocasión para recurrir a un exercicio de interpretación textual que nos sirva de guía e acompañamento na experiencia estética e pedagóxica que nos ofrecen os utensilios e as obras que xorden dos diferentes procesos de traballo que se dan nas aulas da nosa Escola.
Tomando coma punto de partida os conceptos de Mestre e de Arte preséntase de forma visual e sonora o espazo da Escola de Artes e Oficios, no que ambos se atopan, coma o lugar onde se producen obras que tratan de ocuparse de cuestións coma a beleza e a trampa simbólica e utensilios que han de ser útiles, sólidos e fiables ademáis de fermosos.
Esta montaxe pretende visibilizar cómo esta división de ordes no eido artístico da lugar á diferenciación entre Arte e Artesanía e por ende ao reparto de materias impartidas na Escola, aínda que tanto as obras producidas polas Belas Artes coma os utensilios producidos polos Oficios Artísticos comparten a mesma cualidade : a de ser, ambas, Cousas (unha materia que se mantén cunha forma), implicadas todas elas na mesma medida, con nós,, na construcción de mundo e ás que só o seu valor simbólico convírteas en suxeitos da Arte capaces xa non só de construir senón de abrir mundo, ante nós.
A montaxe expositiva acompáñase dun proxecto editorial e varias sesións de discusión con persoeiros do eido profesional do Deseño, a Filosofía e a Arte Contemporánea que se presentarán durante a inauguración.

No hay comentarios:

Publicar un comentario